No post anterior publicamos os primeiros resultados do impacto económico do peche de Alcoa, realizado coa colaboración do Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME) da Universidade de Santiago de Compostela. O resultado sobre o total de Galicia era de 0.59% sobre a produción, 0.41% sobre o VAB e 3.329 persoas ocupadas. Se ben é certo que parecen efectos moi pequenos para o total de Galicia, non o son tanto cando analizamos onde se localizan eses efectos. Por este motivo, a continuación presentamos os efectos desa perda de empregos segundo a súa distribución polas distintas comarcas de Galicia.
A perda de empregos derivado do efecto directo que ven dado polo peche da empresa tería lugar principalmente nas comarcas da Mariña lucense onde viven os traballadores de Alcoa que perderían o seu posto de traballo. En segundo lugar, os traballadores que se verían afectados serían os das empresas que producían bens ou servizos que Alcoa necesitaba para manter a súa produción e que verían afectado o volume da súa actividade co peche desta empresa. Como analizamos no post anterior os sectores máis afectados serían o transporte terrestre, as actividades auxiliares as empresas, o comercio por xunto ou a reparación de maquinaria. Polo tanto as comarcas máis afectadas pola perda de posto de traballo serán aquelas onde estes sectores sexan máis importantes. O efecto inducido que se produciría pola perda do poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras que perderon os postos de traballo directa e indirecta polo peche de Alcoa, produciríase principalmente na área de residencia dos mesmos. Esto afectaría principalemente a sectores de servizos como poden ser a restauración, a sanidade, a educación ou o comerico o por menor. Se sumamos o número de traballadores e traballadoras que potencialmente poden perder o seu emprego con cada un dos efectos analizados segundo a súa comarca de residencia e o comparamos co emprego total dese comarca teríamos a porcentaxe de empregados con risco de perder o emprego (Mapa 1). O risco de que traballadores perdan o seu posto de traballo derivado do peche de Alcoa afecta a Galicia, en particular naquelas comarcas onde os bens e servizos que necesitaría Alcoa para súa produción son importantes, como é o transporte terrestre, actividades auxiliares as empresas, etc. Non obstante, en ningunha destas comarcas o efecto chega ao 0.3% excepto nas comarcas da Mariña lucense. A porcentaxe de ocupados co emprego en risco calcúlanse en 2.2% para a Mariña Oriental, 3.7% para a Mariña Central e un 7.3% para a Mariña Occidental onde se atopa localizada Alcoa.
